Galiza achanta no Prestige forestal
O Prestige dos montes estalles saíndo de balde aos nosos políticos. Desta volta, a sociedade civil non lles reproba a descoordinación ou a falla de medios, nin esíxelles responsabilidades por incompetencia; malia que, despois de reduciren nun tercio os equipos contra o lume, os incendios descontrolados estén a prender media Galicia e xa mataran a catro persoas.
Nesta ocasión, Nunca Máis, Adega, e ducias de lideres sociais na Televisión de Galicia, todas estas xornadas, veñen redobrando os comunicados dos gobernos español e galego, sen a máis mínima crítica a súa discutibel actuación.
A mensaxe común é que esta desfeita débese a unha situación excepcional provocada por unha misteriosa mafia de terroristas incendiarios.
Mais ninguén coñece aínda que grandísimos intereses poden ter en arrasar Galicia, mesmo agora, cunha morea de voluntarios, soldados, gardas e xornalistas na súa procura. Non ten sentido. Como aquelo de “no pasa nada” co Prestige afundíndose en directo.
Desta quenda, os malos son os terroristas incendiarios, como non foron daquela os piratas do petroleo; e os gobernantes non son incompetentes nin insensibles (teñen talante), ainda que os feitos demostren os seus erros, e o sentidiño non ature coas desculpas.
UNHA MÁGOA. Semella que temos un movemento cidadán de partido, único, sen capacidade de censura cando “os nosos” están no poder, e mesmo sen contrapartidas cívicas doutras cores. Un déficit democrático ben inquedante.




